O pasado 25 de setembro púxose en marcha o proceso de Consultas Preliminares do Mercado (CPM) do proxecto AugaTech, unha iniciativa impulsada ao abeiro do establecido no artigo 115 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de Contratos do Sector Público. Este mecanismo ten como obxectivo recoller información e coñecemento do mercado antes de definir futuras licitacións públicas.
A través destas consultas, a entidade promotora pretende analizar as capacidades dos operadores económicos e coñecer o estado actual das posibles solucións tecnolóxicas existentes para dar resposta aos retos formulados no marco do proxecto. Deste xeito, búscase obter unha visión ampla das alternativas dispoñibles que permita deseñar, planificar e preparar adecuadamente as eventuais licitacións posteriores.
O proceso de CPM constitúe unha ferramenta clave para fomentar a innovación e garantir que os procedementos de contratación pública se adapten ás posibilidades reais do mercado, facilitando así a participación de empresas e entidades con propostas tecnolóxicas avanzadas.
As persoas e organizacións interesadas poden consultar toda a documentación relativa á Consulta Preliminar do Mercado do proxecto AugaTech a través da ligazón habilitada para este fin: https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?N=821080
Ademais, está dispoñible a webinar celebrada o 10 de outubro, na que se explica con detalle o alcance do proxecto, os retos que se pretenden abordar e o procedemento para participar nesta fase de consultas. Xunto ao vídeo, tamén se pode acceder á presentación utilizada durante a sesión informativa.


