Augas de Galicia celebrou o pasado 12 de febreiro unha xornada informativa dirixida ao ecosistema innovador co obxectivo de presentar as funcionalidades previstas nas futuras licitacións de Compra Pública de Innovación (CPI) que se impulsarán no marco do proxecto AugaTech.
Durante o encontro déronse a coñecer as liñas principais deste proxecto estratéxico de innovación pública, orientado a mellorar a xestión integral da auga en Galicia e a prestación do servizo público. A iniciativa aposta pola incorporación de tecnoloxías avanzadas que permitan reforzar a toma de decisións baseada en datos, mellorar a anticipación ante escenarios complexos e avanzar cara a unha relación máis áxil e eficiente coa cidadanía.
O proxecto estrutúrase arredor de dous grandes retos tecnolóxicos que darán lugar ás vindeiras licitacións de CPI.
AquaIA: interacción cidadá en tempo real
O primeiro dos retos presentados é AquaIA, unha solución innovadora pensada para mellorar a relación entre Augas de Galicia e a cidadanía. Esta ferramenta permitirá facilitar o acceso personalizado á información do sector da auga, resolver consultas en linguaxe natural e analizar tendencias e eventos de interese relacionados coa xestión da auga e co cambio climático.
O sistema estará concibido cun enfoque multicanle, accesible e escalable, que permita ampliar e optimizar a atención pública de forma eficiente.
AquaTwin 2.0: xemelgo dixital para a xestión das concas hidrográficas
O segundo reto tecnolóxico é AquaTwin 2.0, centrado no desenvolvemento de capacidades avanzadas de modelado, simulación e análise de escenarios a nivel de conca fluvial, avanzando cara ao paradigma do xemelgo dixital.
Esta solución permitirá reforzar a xestión das presións sobre as masas de auga, anticipar impactos futuros e apoiar a toma de decisións técnicas mediante simulacións baseadas en datos reais e integrados.
A xornada permitiu compartir co ecosistema innovador o marco conceptual e funcional das futuras licitacións, facilitando un primeiro aliñamento entre as necesidades da Administración e as capacidades tecnolóxicas do mercado.
As persoas interesadas poden ver a xornada informativa completa a través da seguinte ligazón: https://www.youtube.com/live/ISnrKeoTe8Y?si=YS3zew0gQaf9HpzT


